Jump to content

Archive:Press releases/Wikimedia Foundation board reorganised/Galego

From Wikimedia Foundation Governance Wiki

Florence Devouard elixida Presidenta do Consello de Administración da Fundación Wikimedia

St. Petersburg, Florida, 28 de outubro de 2006

A Fundación Wikimedia anunciou unha reorganización do seu Consello de Administración, Florence Devouard substitúe a Jimmy Wales como Presidenta do Consello. A decisión tomouse durante o recente encontro en Frankfurt, Alemaña (entre o 20 e o 22 de outubro), na que estiveron presentes os membros do Consello e máis de 20 integrantes da comunidade Wikimedia. O Consello votou por unanimidade a elección de Devouard como Presidenta do Consello, Tim Shell como Vicepresidente, Erik Moeller como Secretario Executivo e Michael Davis como Tesoreiro.

Esta decisión foi resultado da proposta do Presidente saínte Jimmy Wales. Wales, o fundador do proxecto Wikipedia, considerou que era mellor ceder a súa responsabilidade nese cargo, en parte debido ás súas obrigas noutros proxectos externos. O antigo presidente manterase activo nos proxectos Wikimedia e pasará a ser Presidente Honorario da Fundación.

Jimmy Wales afirmou: "Propuxen a Florence para o cargo de Presidenta do Consello en recoñecemento dos seus destacados servizos durante os últimos anos e pola paixón na consecución dos nosos obxectivos. Ter un representante tan destacado da comunidade como nova Presidenta demostra o crecemento e fortaleza da nosa organización."

Devouard fora elixida para formar parte do Consello en 2004 polos colaboradores dos proxectos Wikimedia. Orixinaria de Francia, ela ten sido unha convencida valedora da natureza multilingüe dos proxectos Wikimedia. É, xunto con Erik Moeller, un dos dous representantes da comunidade no Consello. Para ampliar información, incluídos datos biográficos, vexa http://wikimediafoundation.org/wiki/Board_of_Trustees.

Sobre Wikimedia

A Fundación Wikimedia é unha organización sen ánimo de lucro dedicada a favorecer o crecemento e distribución de contidos libres en numerosas linguas, como a coñecida enciclopedia Wikipedia, agora en máis de 100 linguas. Os proxectos Wikimedia inclúen algúns dos máis grandes proxectos de edición colaborativa no mundo creados usando o software wiki. Xunto coa Wikipedia, un dos 20 sitios web máis visitados da Internet, estes proxectos inclúen Wiktionary (un dicionario), Wikibooks (libros), Wikiquote (citas), Wikisource (doumentos orixinais), Wikinews (novas) e Wikimedia Commons (un repositorio multimedia).

Media